KIEV - VORZEL' - KIEV
A
verdade é que non tiñamos porque madrugar xa que quedamos en vernos con
Natasha ás 14.00 despois de rematar as súas clases de español na Universidade, pero a ilusión fixo que ás 9.00 xa estiveramos na ducha e preparando o almorzo tras
baixar ata o banco para cambiar euros por grivnas e mercar leite, café e
galletas. Só botamos en falta un coador pero improvisámolo de contado cun
calcetín ;)
Axiña
estivemos preparados e saímos co coche ata o centro da cidade. Paseamos polas
enormes rúas de Kiev e contemplamos as dúas igrexas principais que
chaman a nosa atención por esas impresionantes cúpulas douradas, baixamos ata a
Praza da Independencia e sentamos na cafetería onde quedaramos en vernos coa
nosa amiga ucraína.
Natasha
é unha rapaza de vinte anos e é encantadora. Estuda linguas na Universidade de
Kiev e ten moito interese en aprender español. Coñecémola casualmente poucos
días antes de viaxar a Ucraína no verán coas Mochilinhas de Cores tras
fallarnos a persoa que tiñamos como contacto. Foi unha sorte! Natasha vive coa
súa nai e tres irmáns varóns (21, 6 e 4 anos) dos que dous son xordos polo que
tamén domina a linguaxe de signos. Tivemos a gran sorte de poder visitalos na
súa humilde á vez que acolledora vivenda chea de calor humano. É, sen dúbida,
unha rapaza encantadora!!!
Estando xa con
ela, chamamos á directora do orfanato de Vorzel’ para dicirlle que estaríamos alá
nun par de horas… E agora, por favor, permitídeme un inciso.
"Cando pensei en artellar isto da “Cestinha de cores” e
previo a botalo a andar, falei con Natasha contándolle que, cando estiveramos
no verán no seu país, pareceunos o de Vorzel’ un dos orfanatos con máis
carencias e pedinlle que contactase coa súa directora para ofrecerlles axuda.
Foi nese momento cando a directora manifestou que precisaban pañais,
deterxente, alimentos… e eu puxen en marcha o proxecto. Hai cousa de dous meses
conteille a Natasha que tiñamos 1020€ para mercar eses produtos e pedinlle que
confirmase con ela as necesidades do orfanato. A directora tardou en responderlle
e daquela dixo que non o podería concretar ata uns días antes da nosa chegada.
Desde febreiro sabía que estaríamos en Ucraína os días 12 e 13 de abril. Nesta
mesma semana, e a tan só tres días da nosa chegada, dixo que o que precisaban
eran cartos (grrrrrrrr…) porque pasaran moito frío no inverno xa que a
calefacción non funcionaba e fixeran traballos de fontanería polo que tiñan unha débeda de 6000 grivnas (570€ aproximadamente), o resto dos cartos que xuntamos tamén os
quería en metálico para mercar “ela” produtos como pañais, comida ou
deterxente.
Xa desde Muimenta lle mandei recado por Natasha de que
lles pagaríamos a metade da súa débeda (3000 grivnas que equivalen a 285€) e
que o resto dos cartos ata 1090€ (ou 11466,80 grivnas) que foi o que
conseguimos ao final, investiriamolos nós neses produtos dándolle opción a varialos
se o vía conveniente. Non lle pareceu nada ben e insistía en que lle
adiantásemos os cartos ao almacén que lles servía os alimentos e ela o
xestionaría".
Pois
ben, cando a chamamos ás 14.15 sabendo que os 34 km. de distancia ata Vorzel’ supoñían
arredor de 1h 40min de tempo, díxonos que ás 16.00 ela marchaba e non nos
recibiría ninguén pois só ela tiña autoridade para facelo. Avisounos tamén de
que o sábado non poderiamos achegarnos alí porque ela non estaría e ninguén nos
ía abrir a porta…
Saímos entón ás présas cara a Vorzel’ con intención de levarlles o bolso cos xoguetes e caramelos
ademais de darlle as 3000 grivnas para despois intentar volver o sábado cos
pañais, deterxente e comida que mercaríamos por valor das 8466,80 grivnas
restantes (805€).
Os 34
quilómetros leváronnos algo máis de dúas horas porque tivemos que atravesar
camiños de terra cheos de baches, pasar por riba da neve que cubría a estrada,
esvarar na lama, contemplar o río conxelado e preguntar dez ou doce veces tras
chegar ao punto que nos indicou o GPS e que non tiña nada que ver co que buscabamos…
Chamámola
ás 16.00 para dicirlle que nos retrasaríamos e esperou. Ao chegar fomos ao
edificio que visitaramos no verán e alí deixamos o bolso dos xoguetes, a
coidadora que estaba alí indicounos o edificio no que poderiamos atopar á
directora que nos recibiu cuns aires de superioridade e unha antipatía impresionantes. Ao dicirlle que viñamos do outro edificio descolgou o teléfono e
botoulle unha boa bronca á coidadora por non avisala de que xa pasaramos por alí…
Díxonos que cos xoguetes que trouxeramos podía ser que contaxiásemos enfermidades
aos nenos se non viñan ben limpos e que, despois de darlle os cartos,
poderiamos estar un momento cos nenos e nenas pero que Rosalía tería que
esperar noutro lugar porque carraspeou un par de veces e ela considerou que
podía transmitirlles enfermidades aos nenos. (Agggg…)
Tívonos máis de media hora no seu despacho esperando polos fontaneiros porque ela non quería
coller os cartos para que vísemos que ían directamente para os traballadores,
jajaja. Para dárllelos tivemos que ir a outro edificio próximo pero dixo que
había que ir en coche (no noso), ela ía subir atrás con Natasha e Rosalía pero
ao abrir a porta e ver que o espazo era escaso rosmou algo en tono burlesco e
apartoume a min para subir ela diante… Circulamos tan só 100 metros e alí accedimos a
outro despacho dela no que tamén entraron os fontaneiros (se é que eran
fontaneiros pois neste punto eu xa perdera toda a confianza que, de entrada, podía ter nela), démoslles as 3000 grivnas e pedinlle que nos fixese un documento
para certificar a entrega e poder compartilo aquí con vós, entón volveulle
entrar a présa e quedou co meu enderezo electrónico asegurándome que me ía enviar o xustificante por correo electrónico (escribinllo e minúsculas e tamén en maiúsculas para que
non houbese dúbidas pero non sei eu se chegará algún día…). A continuación
acompañounos a Natasha e mais a min, con paso firme e a cabeza ben erguida, ata
unha sala onde había oito ou nove nenos e nenas mentres que Carlos e Rosalía
quedaban “illados” noutra sala por mor da tos…
Ela marchou de contado e cústame
crer que non foi “amañar contas” cos supostos fontaneiros. Antes de marchar
insistiu en que o sábado estaría pechado e que ninguén nos ía atender porque
esas decisións eran só cousa dela e ela non ía estar. En fin…
O
pedazo que pasamos cos neniños foi moi agradable, por suposto. Mágoa que a
carraxe que eu sentía non me deixase gozar como a ocasión merecía… As
coidadoras baleiraron no chan unhas caixas de xoguetes e alí nos entretivemos
un pedazo con eles facendo torres con pezas encaixables, argallando con potas de xoguete ou mesmo “lendo” contos
en ruso. As señoras foron moi amables e atentas con nós.
O
retorno a Kiev foi moito máis rápido tras marcarlle ao GPS un percorrido
alternativo. De camiño paramos nun hipermercado (Auchan) para mirar prezos e ir
pensando que produtos mercar ao día seguinte pois decidimos voltar e, se non
nos reciben, deixarlles a mercancía na porta. Malo será que non a aproveiten!
;)
Despois
achegámonos á casa de Natasha que quería presentarnos á súa familia e
convidarnos a cear. Alí estaba a súa nai que resultou ser, como era de esperar,
unha muller encantadora e que nos obsequiou cunha cea estupenda, coñecimos
tamén aos seus dous irmáns pequenos e faltounos o maior que non estaba na casa.
A verdade é que nos sentimos moi afortunados por ter ocasión de coñecer todas
estas realidades.
Ás nove
da noite despedímonos e percorremos os 15 km que nos separaban do albergue.
Demos uns paseos polas inmediacións e despois deitámonos un pouco preocupados
pola actitude desa muller pero tamén con ánimo e forza para intentar cumprir co
noso cometido.
Moitas
grazas a todas e todos vós por darnos, co voso apoio, esta forza e ilusión.
Ata
mañá!!!