terça-feira

VIAXE A UCRAÍNA (DÍA 2 DE 4)



KIEV - VORZEL' - KIEV

A verdade é que non tiñamos porque madrugar xa que quedamos en vernos con Natasha ás 14.00 despois de rematar as súas clases de español na Universidade, pero a ilusión fixo que ás 9.00 xa estiveramos na ducha e preparando o almorzo tras baixar ata o banco para cambiar euros por grivnas e mercar leite, café e galletas. Só botamos en falta un coador pero improvisámolo de contado cun calcetín ;)




Axiña estivemos preparados e saímos co coche ata o centro da cidade. Paseamos polas enormes rúas de Kiev e contemplamos as dúas igrexas principais que chaman a nosa atención por esas impresionantes cúpulas douradas, baixamos ata a Praza da Independencia e sentamos na cafetería onde quedaramos en vernos coa nosa amiga ucraína.

 




Natasha é unha rapaza de vinte anos e é encantadora. Estuda linguas na Universidade de Kiev e ten moito interese en aprender español. Coñecémola casualmente poucos días antes de viaxar a Ucraína no verán coas Mochilinhas de Cores tras fallarnos a persoa que tiñamos como contacto. Foi unha sorte! Natasha vive coa súa nai e tres irmáns varóns (21, 6 e 4 anos) dos que dous son xordos polo que tamén domina a linguaxe de signos. Tivemos a gran sorte de poder visitalos na súa humilde á vez que acolledora vivenda chea de calor humano. É, sen dúbida, unha rapaza encantadora!!!


Estando xa con ela, chamamos á directora do orfanato de Vorzel’ para dicirlle que estaríamos alá nun par de horas… E agora, por favor, permitídeme un inciso.

"Cando pensei en artellar isto da “Cestinha de cores” e previo a botalo a andar, falei con Natasha contándolle que, cando estiveramos no verán no seu país, pareceunos o de Vorzel’ un dos orfanatos con máis carencias e pedinlle que contactase coa súa directora para ofrecerlles axuda. Foi nese momento cando a directora manifestou que precisaban pañais, deterxente, alimentos… e eu puxen en marcha o proxecto. Hai cousa de dous meses conteille a Natasha que tiñamos 1020€ para mercar eses produtos e pedinlle que confirmase con ela as necesidades do orfanato. A directora tardou en responderlle e daquela dixo que non o podería concretar ata uns días antes da nosa chegada. Desde febreiro sabía que estaríamos en Ucraína os días 12 e 13 de abril. Nesta mesma semana, e a tan só tres días da nosa chegada, dixo que o que precisaban eran cartos (grrrrrrrr…) porque pasaran moito frío no inverno xa que a calefacción non funcionaba e fixeran traballos de fontanería polo que tiñan unha débeda de 6000 grivnas (570€ aproximadamente), o resto dos cartos que xuntamos tamén os quería en metálico para mercar “ela” produtos como pañais, comida ou deterxente.
Xa desde Muimenta lle mandei recado por Natasha de que lles pagaríamos a metade da súa débeda (3000 grivnas que equivalen a 285€) e que o resto dos cartos ata 1090€ (ou 11466,80 grivnas) que foi o que conseguimos ao final, investiriamolos nós neses produtos dándolle opción a varialos se o vía conveniente. Non lle pareceu nada ben e insistía en que lle adiantásemos os cartos ao almacén que lles servía os alimentos e ela o xestionaría".

Pois ben, cando a chamamos ás 14.15 sabendo que os 34 km. de distancia ata Vorzel’ supoñían arredor de 1h 40min de tempo, díxonos que ás 16.00 ela marchaba e non nos recibiría ninguén pois só ela tiña autoridade para facelo. Avisounos tamén de que o sábado non poderiamos achegarnos alí porque ela non estaría e ninguén nos ía abrir a porta…
Saímos entón ás présas cara a Vorzel’ con intención de levarlles o bolso cos xoguetes e caramelos ademais de darlle as 3000 grivnas para despois intentar volver o sábado cos pañais, deterxente e comida que mercaríamos por valor das 8466,80 grivnas restantes (805€).

Os 34 quilómetros leváronnos algo máis de dúas horas porque tivemos que atravesar camiños de terra cheos de baches, pasar por riba da neve que cubría a estrada, esvarar na lama, contemplar o río conxelado e preguntar dez ou doce veces tras chegar ao punto que nos indicou o GPS e que non tiña nada que ver co que buscabamos…






Chamámola ás 16.00 para dicirlle que nos retrasaríamos e esperou. Ao chegar fomos ao edificio que visitaramos no verán e alí deixamos o bolso dos xoguetes, a coidadora que estaba alí indicounos o edificio no que poderiamos atopar á directora que nos recibiu cuns aires de superioridade e unha antipatía impresionantes. Ao dicirlle que viñamos do outro edificio descolgou o teléfono e botoulle unha boa bronca á coidadora por non avisala de que xa pasaramos por alí… Díxonos que cos xoguetes que trouxeramos podía ser que contaxiásemos enfermidades aos nenos se non viñan ben limpos e que, despois de darlle os cartos, poderiamos estar un momento cos nenos e nenas pero que Rosalía tería que esperar noutro lugar porque carraspeou un par de veces e ela considerou que podía transmitirlles enfermidades aos nenos. (Agggg…)


Tívonos máis de media hora no seu despacho esperando polos fontaneiros porque ela non quería coller os cartos para que vísemos que ían directamente para os traballadores, jajaja. Para dárllelos tivemos que ir a outro edificio próximo pero dixo que había que ir en coche (no noso), ela ía subir atrás con Natasha e Rosalía pero ao abrir a porta e ver que o espazo era escaso rosmou algo en tono burlesco e apartoume a min para subir ela diante… Circulamos tan só 100 metros e alí accedimos a outro despacho dela no que tamén entraron os fontaneiros (se é que eran fontaneiros pois neste punto eu xa perdera toda a confianza que, de entrada, podía ter nela), démoslles as 3000 grivnas e pedinlle que nos fixese un documento para certificar a entrega e poder compartilo aquí con vós, entón volveulle entrar a présa e quedou co meu enderezo electrónico asegurándome que me ía enviar o xustificante por correo electrónico (escribinllo e minúsculas e tamén en maiúsculas para que non houbese dúbidas pero non sei eu se chegará algún día…). A continuación acompañounos a Natasha e mais a min, con paso firme e a cabeza ben erguida, ata unha sala onde había oito ou nove nenos e nenas mentres que Carlos e Rosalía quedaban “illados” noutra sala por mor da tos… 
Ela marchou de contado e cústame crer que non foi “amañar contas” cos supostos fontaneiros. Antes de marchar insistiu en que o sábado estaría pechado e que ninguén nos ía atender porque esas decisións eran só cousa dela e ela non ía estar. En fin…

O pedazo que pasamos cos neniños foi moi agradable, por suposto. Mágoa que a carraxe que eu sentía non me deixase gozar como a ocasión merecía… As coidadoras baleiraron no chan unhas caixas de xoguetes e alí nos entretivemos un pedazo con eles facendo torres con pezas encaixables, argallando  con potas de xoguete ou mesmo “lendo” contos en ruso. As señoras foron moi amables e atentas con nós.








O retorno a Kiev foi moito máis rápido tras marcarlle ao GPS un percorrido alternativo. De camiño paramos nun hipermercado (Auchan) para mirar prezos e ir pensando que produtos mercar ao día seguinte pois decidimos voltar e, se non nos reciben, deixarlles a mercancía na porta. Malo será que non a aproveiten! ;)

Despois achegámonos á casa de Natasha que quería presentarnos á súa familia e convidarnos a cear. Alí estaba a súa nai que resultou ser, como era de esperar, unha muller encantadora e que nos obsequiou cunha cea estupenda, coñecimos tamén aos seus dous irmáns pequenos e faltounos o maior que non estaba na casa. A verdade é que nos sentimos moi afortunados por ter ocasión de coñecer todas estas realidades.

Ás nove da noite despedímonos e percorremos os 15 km que nos separaban do albergue. Demos uns paseos polas inmediacións e despois deitámonos un pouco preocupados pola actitude desa muller pero tamén con ánimo e forza para intentar cumprir co noso cometido.

Moitas grazas a todas e todos vós por darnos, co voso apoio, esta forza e ilusión.
   
Ata mañá!!!

2 comentários:

Aivou disse...

Xentuza hai en todas partes pero que eses nenos dependan (coidadoras aparte) dela é tremendamente inxusto.
Grazas por ser tan xenerosos, tan valentes e tan xuizosos.
:o***

Sabela disse...

Sen a vosa axuda, túa en concreto, non teriamos forzas para actuar con ese chisco de xuízo con que o fixemos.
Graciñas, Cris!!