terça-feira

VIAXE A UCRAÍNA (DÍA 1 DE 4)


MUIMENTA - MADRID - MUNICH - KIEV

Hoxe comezamos o día moi cedo, aínda era noite!!!

Ás 6.00 deixamos a Iago, Ánxela e Paulo durmindo na casa e comezamos viaxe Rosalía, a boneca Xiana, Carlos e mais eu… Marchamos moi tranquilos, seguros de que entre Pepe e Belén se encargarán de que os tres maiores estean sobradamente atendidos. Grazas!

A nosa equipaxe principal é un bolso cheo de xoguetes en bo estado, uns caramelos e mais unha carteira cos 1090€ que xuntamos grazas a ese cento de persoas que colaborastes con nós neste humilde proxecto. Grazas unha vez máis!

Voamos de Madrid a Munich durante dúas horas e, tras unha curta espera, collemos outro avión de Lufthansa que nos levaría ata Kiev. Ás 23.30 en Ucraína (22.30 en Muimenta) recolliamos as maletas e xestionabamos o aluguer do coche que xa reservaramos con dous meses de antelación. Todo foi perfecto e, coa inestimable axuda do GPS, percorrimos os 30 quilómetros que separan o aeroporto de Boryspil e o centro da cidade.

No albergue terían que contar con nós pois hai tan só dous días intercambiei con eles un par de correos e a reserva leva feita desde principios de febreiro pero algo fallou, é difícil saber o que xa que eles tamén manexan poucas palabras en inglés e deben ser precisamente as que nos faltan a nós… O caso foi que nos acomodaron no sofá de Recepción e alí pasamos a noite compartindo local coa fotocopiadora, arquivadores, mapas e souvenirs ;)

Estivemos cómodos e, despois de prepararmos uns bocadillos de chourizo e queixo na cociña, deitámonos cansos e moi ilusionados co día de mañá.

Boas noites!!! 









Sem comentários: