quinta-feira

VIAXE A UCRAÍNA (DÍA 3 DE 4)



KIEV – VORZEL’ – KIEV

Esta noite xa descansamos no cuarto que compartimos con outros catro rapaces. Durmimos moi ben. Ás 12.00 quedaramos con Natasha na entrada principal do hipermercado Auchan, así que despois de pasarmos polo banco para cambiar de novo euros por grivnas, acudimos á cita con ela.




Collemos tres carriños que axiña enchemos ata arriba: 60 quilos de deterxente, 17 paquetes de pañais de todas as tallas e 100 paquetes de toalliñas húmidas. Este foi o primeiro lote e por el pagamos 4159 grivnas (395€). Saiunos así a 1,50€ o quilo de deterxente, 15€ cada paquete de pañais e 0,50€ cada un dos de toalliñas. Como ocupaban moito volume non fomos quen de meter máis mercancía no coche e con iso marchamos cara a Vorzel’ de novo. Desta volta fomos polo camiño curto que agora xa coñecemos e así, en pouco máis de media hora, xa estabamos ás portas do orfanato descargando o material.







As coidadoras recibíronnos de bo grao e chamaron á doctora que entendemos que ten algo máis de autoridade e capacidade de decisión pois dixeron elas que se a directora sabía que nos recibían, era seguro que perderían o seu traballo :( 
Ao mesmo tempo, insistían en que precisaban para os nenos todo iso que lles levabamos e mostrábanse agradecidas. A doctora chegou despois de media hora e foi moi agradable con nós, anotou todo o que lles entregamos e asineille o documento no que recolleu toda esa información. Dixémoslle que volveríamos á tarde con alimentos e pareceulle moi ben, só nos pediu que os levásemos ao edificio no que xa estiveramos onte. Era unha muller maior, doce, próxima, de moño gris e trato agradable. Menos mal! 
Ademais, insistiu en que cando volvésemos pola tarde Rosalía podería xogar un pouco cos nenos xa que agora estaban durmindo.



Para non perder tempo, en vez de volver a Auchan acudimos a outro supermercado máis pequeno pero próximo ao orfanato, na localidade de Bucha. Alí aproveitamos tamén para comer nós algo.
Nese novo supermercado (Eko Market) enchemos seis carros que tivemos que transportar ata o orfanato en dúas viaxes xa que non nos collía todo no coche. Desta volta só mercamos alimentos: 120 l de zume, 100 l de aceite, 88 kg de pasta (fideos e macarróns), 20 kg de lentellas, 26 kg de arroz, 10 kg de cereais para papilla e 26 kg de froita (kiwis, plátanos, laranxas, uvas, pexegos e aguacates); sorpréndenos que os prezos non sexan máis baixos pois, aproximadamente, o quilo de pasta custa 0,60€, o de arroz 0,90€, as lentellas 1,10€, o aceite mercámolo de 1,50€ e de 2,40€ e os zumes de froita custaron 0,08€ uns e 0,12€ outros. Aquí pagamos 2368,31 grivnas da primeira vez e 2329,70 da segunda. En total suman 4698,01 (447€).








Recibíronnos de novo no edificio ao que quedaramos de ir e alí contabilizamos todos os productos coas coidadoras e mais a doctora, asinamos o documento de entrega que elas elaboraron e insistíronnos para xogar cun par de nenos dicindo que debían ser pequeniños para evitar que o contasen diante da directora ;)
Máis tarde, despedímonos dos nenos e delas que repetían unha e outra vez a necesidade que tiñan deses alimentos e que nolos (volos) agradecían de corazón. Seguro que si! Isto fainos pensar que toda a axuda que se queira prestar a estas persoas debe ser supervisada para ter garantías de que lle chega aos nenos e nenas que tanto a precisan. Vemos que é doado que, con tanta burocracia e posible corrupción, as axudas non cheguen ao seu destino. Alegrámonos moito de ter chegado ata aquí e poder contarvos que as vosas desinteresadas aportacións hoxe cobren parte das necesidades daquelas nenas e nenos ucraínos.





E con esta satisfacción regresamos a Kiev cando xa era noite. Paseamos polo centro da cidade en compañía de Natasha e despedímonos dela ás 21.30 na boca do Metro que a levaría ata a súa casa. Prometémonos seguir en contacto e gustaríanos recibila algún día na nosa casa. Acolleríamola encantados!





Tras esta despedida marchamos para o albergue e fomos cear a un restaurante no que xa estiveramos con Iago, Ánxela e Paulo no verán. Ceamos moi tranquilos e contentos despois dunha xornada chea de emocións e satisfaccións. 




Deitámonos tarde pero dispostos a descansar para afrontar o día de mañá que se prevé longo e agotador…

Boas noites!


2 comentários:

Aivou disse...

Jo!, estou pensando en Rosalía e a tremenda bagaxe vital que todo esto suporá para ela (e quen di Rosalía di calquera dos vosos fillos, e di vós mesmos).
Todos os que pasamos dalgunha forma pola vosa vida temos moita sorte.
Graciñas.

Sabela disse...

E Rosalía preocupada porque perdía de facer o exame de Lingua e máis o de Coñecemento...
Penso que aprendeu leccións de vida do máis interesantes e formativas que nos poidamos imaxinar!!
Grazas por pasarte pola miña vida, Cris :*