segunda-feira

CESTIÑA DE CORES


Despois da gratificante experiencia de “Mochilinhas de Cores” é imposible non dar continuidade á idea de compartir un chisco do que nós temos con aqueles nenos e nenas ucraínas que tanto o precisan.

Como sabedes, este verán pasado gozamos dunhas “vacacións solidarias” achegándonos a Ucraína cargados con 130 quilos de material escolar que xuntamos ao longo dun ano coa vosa inestimable axuda. Nunca cento trinta quilos pesaron tan pouco!!!

“Mochilinhas de Cores” encheunos de satisfacción e gratitude. Consideramos que coa ilusión que lle puxemos e mais a vosa colaboración fomos quen de reducir un pouquiño, case nada, as carencias daqueles nenos e nenas ucraínas. Fixémolo un pouco “a cegas” e con certo risco de non conseguir o propósito porque, ata os últimos días, non contamos co apoio dunha persoa de alí que nos puidese acompañar e nos axudase co idioma. Nalgún caso sós e noutros acompañados por Natasha, chegamos á porta de seis orfanatos nos que foron moi ben recibidas as pinturas, cadernos, pinceis, plastilina, ceras, xoguetiños, mochilas… que vós nos destes para eles e elas.


Se queredes dar unha voltiña por aquel proxecto, tédelo aquí.




Desde que regresamos de Ucraína, seguimos a darlle voltas ás necesidades básicas daqueles máis de cen mil pequenos recollidos en orfanatos do país. Agora poñémoslles cara a algúns deles e pensamos no duro que ten que ser o inverno naquelas condicións tan precarias que vimos.

Xuntando esas inquedanzas, a vantaxe que supón ter a alguén de confianza alá e mais a vosa sempre boa disposición a colaborar con nós, decidímonos a iniciar o proxecto CESTIÑA DE CORES.

Así foi como, hai xa dous meses, lle propuxen a Natasha que contactase co orfanato que máis nos impactou polas condicións en que vimos que vivían aqueles máis de cen nenos e nenas de 0 a 4 aniños e con grandes taras físicas unha boa parte deles. É o orfanato da localidade de Vorzel´ que se atopa a cincuenta quilómetros de Kiev aproximadamente.

Pedinlle que lle preguntase á directora que necesidades básicas e prioritarias tiñan para ver se podíamos botarlles unha man tendo claro que, por pouco que a nós nos pareza o que poidamos darlles, para eles supón moito. A comunicación é lenta pero, grazas ás xestións de Natasha, puidemos averiguar que precisan especialmente pañais, comida, produtos desinfectantes e deterxente.

Cremos que é moi significativo que teñan necesidade de alimentos ou produtos tan básicos como pañais ou mesmo deterxente… Non vos parece?

Pensamos que o modelo de “Mochilinhas de Cores” non é o máis axeitado para axudarlles a reducir esas necesidades pois non sería práctico viaxar a Ucraína con enormes bolsas de pañais, quilos de deterxente ou alimentos. Dándolle voltas a esa idea decidimos que ten máis sentido mercar alí (deixando tamén os beneficios aos comerciantes do país) e levarlles os produtos ao orfanato.

Por outro lado, cando o ano pasado xuntamos as “mochilinhas” de material escolar, atopámonos con que moitas e moitos de vós nos ofrecestes cartos para que mercásemos cousas alá (sobre todo cando xa estabamos chegando aos 130 quilos de material escolar). Xa naquel momento volo agradecemos moito pero non quixemos aceptar esa responsabilidade porque, como dixen máis arriba, iamos un pouco “a cegas” e tampouco sabiamos se teriamos ocasión de investilos unha vez chegados alá. Agora vémolo doutra maneira xa que nos movemos sobre terreo máis firme tras coñecer fisicamente o orfanato de Vorzel´ e seguirmos en contacto con Natasha.

Ben, pois hai xa algo máis dun mes que falei con Cristina, Noemí e Raquel que á súa vez llo dixo a Lourdes. Elas catro e mais eu tecemos e cosemos con moito cariño unha serie de prendas e complementos que cremos vos poden gustar (na pestana "Cestiña" podedes ver fotos de todo o seu contido). Anxo Lamas fixo un baúl precioso que enchemos con esas cousiñas e que esperamos que algún ou algunha de vós poida levar para a súa casa pois… Imos facer un sorteo!



Poñeremos á venda mil números, do 000 ao 999, agrupados de cinco en cinco: (000 001 002 003 004)  (005 006 007 008 009)… e vendendo cada grupo de números a 5€

Que vos parece? Ímolo intentar e, co que saia, mandarémoslle eses cartos a Natasha para que ela merque alá pañais, deterxente, comida, desinfectantes… e llelo achegue ás nenas e nenos de Vorzel´. Por suposto, ela mandaranos facturas e xustificantes de ter gastado o importe que nós lle enviemos. Compartirémolas neste blog con vós.

Para mercar os números debedes facer un ingreso (cada cinco euros serán cinco números) na conta que abrimos para este cometido en Novagalicia Banco a nome de "Cestiña de cores" e que é:


2080 0170 19 3000067837

ou ben facernos chegar o importe por outro método. Sempre indicando o voso nome.
A medida que vaiamos recibindo notificación, iremos asignando os números correspondentes a esa persoa e publicándoos nunha das pestanas do blog. O sorteo tamén será público pois a persoa agraciada co baúl será aquela que teña as tres últimas cifras coincidentes co número premiado no sorteo da Once do día 28 de febreiro de 2013. Antes de que remate o inverno para así poder estrear as prendas máis abrigosiñas ;)

Permitídeme asignar xa os vinte e cinco primeiros números ás persoas que elaboraron o baúl e mais o seu contido:

000 001 002 003 004: Raquel
005 006 007 008 009: Cristina
010 011 012 013 014: Lourdes
015 016 017 018 019: Noemí
020 021 022 023 024: A. Lamas

Moitas grazas a todas e todos por seguir con nós, acompañando e apoiando sempre estas ideas que se nos ocorren e que, sen dúbida, axudan tanto a quen recibe como a quen dá. 

;-)))
  


2 comentários:

Aivou disse...

Ohhh, graciñas Sabela por deixarme participar neste proxecto. É precioso, como todo o que fas/facedes.
Bicos de cores.

Sabela disse...

Grazas a ti Cris, por estar sempre aí apoiando, colaborando, animando...
E corrixo as túas palabras: "fas/facedes/facemos"
Mellor así.
Un biquiño e moitas grazas por todo.