terça-feira

ACABÁRONSE OS NÚMEROS!!!





Levo media vida (que no meu caso xa son anos) explicando que os números non se acaban nunca, que non teñen fin, que para calquera número que pensemos sempre existe outro maior (ou menor no caso dos negativos) e así ata o infinito…
Pois iso, media vida insistindo nesa idea para hoxe ter que afirmar con rotundidade: “ACABÁRONSE OS NÚMEROS” ;)

Todos os que puxen á vosa disposición crendo que eran unha barbaridade, eses mil números que van desde o 000 ata o 999, TODOS están asignados ás persoas que vos animastes a colaborar con nós, a axudarnos nesta bonita aventura que nos vai permitir achegarlles un chisco de felicidade e benestar en forma de pañais, deterxente e comida a eses cento vinte nenos e nenas do orfanato de Vorzel´ en Ucraína.

GRAZAS, moitas grazas pola vosa xenerosidade, confianza, apoio, solidariedade, por ese pequeno e á vez tan grande xesto. Grazas no noso nome pero tamén no deles e elas, sinto total seguridade adiantándovos a súa gratitude.

Na pestana “Números” é pública a relación dos mil números que fun asignando desde hai mes e medio e que se agotaron xustamente hoxe, cando aínda faltan algo máis de dúas semanas para que teña lugar o sorteo. Lembrade que a persoa que leve o baúl de Anxo Lamas cheo de cousiñas elaboradas con moito cariño por Raquel, Cristina, Lourdes, Noemí e mais por min, será aquela que teña asignado o número que coincida coas tres últimas cifras do premiado no sorteo da ONCE do vindeiro día 28 de febreiro.
Tamén aquí anunciaremos quen é a gañadora aínda que estou convencida de que gañadoras e gañadores estámolo a ser todas as persoas que participamos, dunha ou doutra forma, neste humilde proxecto.

Grazas a cada unha de vós, amigos, coñecidas, parentes e tamén a esas outras persoas ata agora descoñecidas pero que a Cestiña –e amigos comúns- nos deron a oportunidade de coñecer. Grazas tamén a Natasha que nos axuda desde Ucraína e moitas grazas ás neniñas e neniños de Vorzel´por revolver nas nosas cabezas e corazóns ata provocar estes humildes xestos que nos enchen de satisfacción.

2 comentários:

Aivou disse...

Por fin unha nova que eclipsa o despido do Papa (e as dúas son para o 28) ;)

Sabela disse...

jajajaja...

Vaia dous acontecementos importantes para a humanidade!!!