quarta-feira

A DECISIÓN ESTÁ TOMADA: IMOS ALÓ!!!


Como moitas de vós sabedes, nos inicios deste humilde proxecto eu cría que entre todos e todas seriamos capaces de xuntar arredor de 100 ou 200€ que lle mandaría a Natasha para que ela mercase en Ucraína e lles levase a compra ao Orfanato de Vorzel’ (ilusa de min).

Aos poucos días de poñer na rede este blog para lanzar a idea e, ao ver a fantástica acollida que lle destes, houbo momentos claramente optimistas nos que vin factible que chegásemos a xuntar mesmo 500€ (seguía sendo un tanto ilusa).

Hoxe, a poucos días do sorteo da “Cestiña de Cores”, non só chegamos ao tope de 1000€ (impensable para esta pobre ilusa) senón que mesmo o sobrepasamos grazas ás vosas aportacións solidarias: temos 1020 euros!!!

Entón, como a cabeza non para, cremos que a ocasión ben merece que rompamos a nosa hucha do porquiño que, aínda que non estea moi cebado por mor dos tempos que corren, malo será que non teña o suficiente “pingo” como para permitirnos unha visita fugaz a Ucraína e así poder achegarlles persoalmente a Vorzel' eses 1020€ en forma de pañais, deterxente e alimentos frescos acabados de mercar… Que vos parece?


Prometo, antes de dous meses, actualizar este blog desde aquel país onde Natasha xa empeza a organizar os seus estudos para pasarmos xuntas eses dous días que, sen dúbida, superarán en intensidade e satisfacción todo canto sexamos capaces de imaxinar. Abofé que si!!!

De todos modos, non esquezades que dentro de tan só unha semaniña verémonos de novo por aquí para descubrir quen se leva a Cestiña! Estade atentas e atentos para cotexar os vosos números co que resulte premiado no sorteo da Once do vindeiro día 28.

Moita sorte e moitas grazas unha vez máis!!!

Sem comentários: